Tuesday 30 de April de 2024

Secundino García reúnese coa nova delegada territorial da Xunta para expoñerlle distintas necesidades do municipio


O alcalde de San Sadurniño, Secundino García, mantivo esta mañá o seu primeiro encontro de traballo coa nova delegada zonal da Xunta, Martina Aneiros, para expoñerlle distintas necesidades do concello e solicitar a colaboración autonómica na execución de varios proxectos de interese para o territorio. Neste sentido, o rexedor aproveitou a reunión protocolaria para poñer ao día á delegada sobre cuestións que xa se lle trasladaron á Xunta en anteriores ocasións nos últimos anos, como por exemplo a execución de obras de mellora no CPI, asegurar a accesibilidade da ponte de Cornide, que se acelere a tramitación dos informes pendentes do PXOM ou a petición de que a Xunta adecúe as conducións de auga até a potabilizadora municipal antes de que comecen as obras da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte.

No referido a seguridade viaria, o alcalde de San Sadurniño trasladoulle á delegada territorial a necesidade de darlle unha solución á confluencia de Marqués de Figueroa coa estrada autonómica AC-862, ademais de recordarlle o compromiso verbal da Conselleira de Infraestruturas de enlazar as beirarrúas do Outeiro co acceso principal ao campo de fútbol dos Corrás aproveitando as obras de ampliación da capacidade da estrada.

En relación con este proxecto autonómico, García tamén lle solicitou a Aneiros a colaboración da Xunta para soterrar un colector de saneamento no núcleo de Riboira antes de que se lle bote un novo firme aglomerado á estrada “con idea de que máis adiante, se podemos levar a cabo un proxecto de saneamento nesa zona, non faga falla volver levantar a estrada. É un investimento de escasa entidade económica, doado de facer e que facilitaría moito a conexión das vivendas que quedan na marxe esquerda da estrada de Ortigueira”.

Sen saír da mellora das vías de titulariedade autonómica, o alcalde informou á nova delegada comarcal de que segue pendente de solucionar a accesibilidade peonil da ponte sobre o Xuvia -onde cómpre unha ampliación da beiravía que permita o paso de cadeiras de rodas e persoas coa mobilidade reducida- e incidiu na urxencia de reparar o tramo da antiga estrada das Pontes comprendido entre Igrexafeita e Espiñaredo, “moi danado e sen apenas mantemento nos últimos anos”, asegurou Secundino García. Para esa zona o rexedor tamén lle plantexou a Martina Aneiros a posibilidade de ampliar a senda peonil executada no seu día polo Concello para que alcance a todas as vivendas da marxe esquerda.

Posta en valor do patrimonio
No encontro tamén houbo tempo para abordar actuacións relativas á conservación do patrimonio. Unha delas é a xa exposta polo consistorio de levar adiante un proxecto a tres bandas entre a Xunta, o Ministerio do Interior e o propio Concello para renovar a cuberta da metade da ala norte e toda a ala leste do Convento do Rosario, que alberga a Casa da Xuventude e tamén o posto da Garda Civil.

Outra das peticións neste ámbito referiuse á posibilidade de que a Xunta de Galicia se implique nunha nova intervención no castelo de Naraío que estaría centrada, de haber financiamento, na consolidación dos muros máis próximos ao río e na ampliación dos espazos visitables. “Hai tempo que temos solicitada unha xuntanza co conselleiro de Cultura para exporlle esta idea, coa que finalizariamos a consolidación da fortaleza despois de tres fases que se financiaron maioritariamente con fondos estatais e da Deputación da Coruña. De momento non obtivemos contestación e agardamos que a delegada territorial medie para que haxa novos compromisos da Xunta coa conservación e posta en valor deste ben de interese cultural”.

Pechando o apartado da posta en valor patrimonial, Secundino García expuxo a posibilidade de darlle un uso social e para as persoas maiores á antiga escola indiana da Leiriña, en Ferreira, e, nese sentido, solicitoulle a Aneiros “que a Xunta nos asesore sobre que tipo de servizo consideran que podería poñerse en marcha no edificio. Neste momento non se trata tanto de comprometer financiamento como de que o persoal especializado co que conta a Consellaría de Política Social nos oriente sobre posibles usos nese sentido”, precisou Secundino García tralo encontro con Martina Aneiros.

PXOM, auga e melloras no CPI
O contido da reunión mantida esta mañá en Ferrol abrangueu, ademais, a petición do Concello -xa comunicada á Consellaría de Infraestruturas- de que se asegure o enlace dos acuíferos do abastecemento municipal coa ETAP da Agra, posto que estes poderían verse afectados polas obras da Vía de Altas Prestacións da Costa Norte.

En materia de augas, Secundino García tamén puxo ao tanto a Martina Aneiros dos problemas existentes na zona de Igrexafeita e da intención municipal de apoiar a veciñanza na estensión dunha traída comunitaria que precisaría, como infraestrutura principal, dunha captación dotada con equipamento de potabilización susceptible de ser financiado por Augas de Galicia.

Por outra banda, o alcalde tamén puxo enriba da mesa a necesidade de “axilizar no posible os informes que aínda faltan por chegar da Xunta con respecto ao PXOM” que, en palabras de García Casal “son imprescindibles para continuar a tramitación dun planeamento que leva anos de retraso e que fai moita falla para definir tanto os asentamentos poboacionais como o desenvolvemento industrial do concello”.

A relación de temas tratados completouse coa solicitude á Xunta de que se acometan obras de conservación no CPI de San Sadurniño “que sobrepasan os labores de mantemento que facemos desde o Concello”, como serían a reparación da cuberta, o pintado do edificio, a mellora do seu illamento ou a instalación de ventanais que melloren a súa eficiencia térmica.

Ao remate da reunión, Secundino García destacou a “boa receptividade” da nova delegada ante as propostas municipais, parte delas de competencia autonómica. García comprometeuse a enviarlle nos próximos días un documento sobre todos e cada un dos asuntos abordados esta mañá, de cara a que Martina Aneiros dispoña de información detallada “tanto das demandas históricas como das novas que lle propuxemos”.